Eterno —e arduo— traballo para converterse en músico profesional

O alumnado dos conservatorios profesionais de Galicia diminúe nos cursos centrais, coincindo cos anos de maior carga lectiva. A falta de tempo, a carencia de motivación e os altos niveis de estrés son as principais causas do abandono das ensinanzas musicais

Lucía chega do instituto ás tres da tarde e unha hora despois xa está no coche de camiño ao conservatorio.

Anxo ten que coller dous autobuses para desprazarse desde a súa casa ata o conservatorio, máis de tres horas de traxecto entre ida e volta. Está exhausto.

Adrián tiña aulas de música a primeira e a última hora da tarde, cun tempo morto no medio pouco produtivo para realizar outras actividades.

Marta perdeu a motivación por estudar música nos últimos anos do grao profesional.

Lucía, Anxo, Adrián e Marta poden ser calquera dos centos de mozos e mozas que estudan nalgún conservatorio profesional de Galicia. Os estudos de música inícianse habitualmente en idades temperás como unha actividade extraescolar máis, pero a realidade é que as ensinanzas regradas supoñen o inicio dunha carreira longa e esixente que non en todos os casos chega a rematarse. Os motivos son variados, pero a falta de tempo, coa consecuente dificultade para compaxinar a formación musical coa do instituto, é unha das principais causas.

É posible estudar música por varias vías. As máis habituais, as escolas de música e os conservatorios. En Galicia, segundo o Portal Educativo da Xunta, contabilízanse un total de 79 escolas de música de titularidade pública espalladas polas catro provincias, e nomeadamente na Coruña e en Pontevedra. En cambio, só hai 36 conservatorios de música profesional públicos na comunidade.

A principal diferenza entre os dous tipos de centro é que as escolas de música non ofrecen ensinanzas oficiais; polo tanto, non se outorga ao alumnado un título que avale a formación adquirida. Por este motivo, as escolas están máis orientadas ás persoas que desexan estudar de música por afección. A carga lectiva, que contempla asignaturas á parte da ensinanza do instrumento, como linguaxe musical e banda, é moito menor que a dun conservatorio, con moitas menos horas semanais.

Un conservatorio busca formar a profesionais da música, brindando aos alumnos a posibilidade de estudar unha carreira superior, equivalente a un grao universitario, que permita converter a música nunha profesión. Os estudos, oficiais, organízanse por cursos nos que se imparten materias complementarias á práctica instrumental que levan a esa profesionalización: harmonía, análise musical, historia da música, orquestra, banda, música de cámara…

Intres previos ao inicio do ensaio da orquestra do CMUS Profesional de Santiago. | Lucía Ortigueira P.

En total, son 14 os anos que precisa un estudante de música para conseguir o título superior de música, divididos en tres ciclos. Habitualmente, un neno comeza con oito anos a Ensinanza Elemental, que son catro cursos. Vía proba de acceso, o alumno entra na Ensinanza Profesional, seis anos que adoitan coincidir cos do instituto. Finalmente, é posible ingresar na Ensinanza Superior, catro anos que teñen a mesma correspondencia que unha carreira universitaria. A partir de aí, é posible facer mestrados ou mesmo un doutoramento.

Parte importante das persoas que inician os estudos oficiais de música non chegan a obter o título superior. As baixas adoitan darse ou ben ao finalizar o primeiro ciclo, o grao elemental; ou na metade do grao profesional, sobre todo nos anos que coinciden co bacharelato. Ademais, un número alto de estudantes de música rematan o grao profesional pero deciden non facer as probas de acceso ao superior para escolleren outras carreiras.

Isto leva acontecendo anos. La Voz de Galicia xa informaba no 2015 da alta porcentaxe de abandono nos conservatorios dependentes da Xunta, que reducían o seu alumnado case á metade entre o primeiro e o último curso do profesional. Porén, a situación non é igual en todos os conservatorios. Atopamos que nalgúns mesmo se amplía o alumnado conforme aumentan os cursos.

Atendemos á evolución número de estudantes para este ano académico nos cursos do grao profesional de seis conservatorios públicos de Galicia. A situación é diversa: o CMUS de Ourense e o de Santiago de Compostela ven como as matrículas medran, mentres en Lalín ou Xinzo de Limia se detecta un descenso.

En liñas xerais, a evolución do alumnado por cursos é semellante por ano educativo. Así, se se fai unha radiografía dos últimos dez anos, pode advertirse que a situación dos conservatorios non mudou en demasía, con salvidades. Ese aumento das matrículas no sexto curso nos conservatorios de Ourense, Santiago de Compostela e tamén en Pontevedra non se daba antes do curso 2020/2021. Tamén é certo que desde a pandemia o número de matrículas no primeiro curso do profesional diminuíu considerablemente nos centros de Santiago e Ourense, polo que o alumnado se recupera co incremento nos últimos cursos.

Esta tendencia non se rexistra nos restantes conservatorios analizados. Si que se produce unha caída importante nas matriculacións de primeiro curso no ano 2021/2022 con respecto ao anterior, mais no 2022/2023 xa mesmo se melloran as cifras previas á pandemia.

Cabe dicir que as diferenzas no número de alumnado dos seis centros se deben a unha razón fundamental. Os conservatorios de Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela están localizados en cidades que cobren unha zona xeográfica maior, e ademais dependen directamente da Xunta de Galicia. Polo tanto, son centros máis grandes e que teñen a capacidade para albergar a máis estudantes. Os centros da Estrada, Lalín e Xinzo de Limia son de administración municipal e a súa área de influencia é menor. Do mesmo xeito, ao seren edificios máis pequenos, teñen unha capacidade de alumando menor, polo que non se abren tantas prazas anualmente coma nos da Xunta.

Malia as salvidades que se rexistran por curso académico nos conservatorios analizados, e nomeadamente nos de titularidade autonómica despois da pandemia, é perceptible que o número de alumnos que comezan e que rematan o grao profesional diminúe en distintos niveis, e os puntos de baixada máis chamativos sitúanse entre o terceiro e o quinto curso.

O terceiro curso do grao profesional supón un cambio con respecto aos dous anteriores, pois as materias que se cursan cambian e vólvense máis esixentes. Comeza a aprendizaxe de harmonía, disciplina máis teórica e, para a maioría das especialidades, iníciase a obrigatoriedade de aprender piano complementario. Aínda que o novo currículo non supoña un aumento de horas semanais considerable, si que se amplía a carga de traballo persoal, porque as novas asignaturas requiren un esforzo maior fóra do centro educativo.

Un alumno estuda unha peza de Schubert para a materia de Análise Musical. | Lucía Ortigueira P.

Lorena Rodríguez, profesora de clarinete no Conservatorio Profesional ‘Xoan Montes’ de Lugo, indica que «algúns alumnos, ao ver que a actividade vai in crescendo, deciden tomar a música coma un pasatempo. Chega un punto no que consideran que destinan demasiado tempo a algo ao que non se queren adicar».

Cando xa estaba en cuarto de profesional na especialidade de trompeta, Adrián Abuín decidiu abandonar o conservatorio: «Quitábame demasiado tempo e non sentía que estaba aprendendo realmente. O grao chegou a afectarme negativamente no resto dos ámbitos da miña vida, tanto académicos coma persoais, polo que valorei as miñas preferencias e deixeino».

A falta de tempo é un motivo que esgrime gran parte do alumnado á hora de valorar a posibilidade de deixar de estudar música. Abuín indica que parte do tempo diario que perdía se debía ao desprazamento entre a súa casa e o conservatorio, ademais de que «o sistema de escolla de horarios por idades rompe completamente o estilo de vida de cada un. Moitas veces tiña que estar no conservatorio toda a tarde porque tiña clase de 16:00h a 17:00h e de 20:00h a 21:00h, polo que non podía adicarme a outras actividades». No grao profesional, o alumnado con menos idade ten preferencia para elixir as horas ás que quere asistir a cada materia. É unha maneira de axudar á conciliación, pero grande parte do alumnado adulto do conservatorio remata por ter horarios imposibles de cadrar mesmo con outros estudos superiores.

O mesmo lle acontece a Javier Lareu, estudante de frauta travesa no Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela: «As horas que lle adicamos non parecen importar fóra do conservatorio. Non falo das horas de estudo, que tamén afectan, falo dos horarios que rompen tardes enteiras. Ademais, canto máis medras menos poder de decisión tes respecto aos horarios a pesares de ter máis responsabilidades e máis horas ocupadas».

A situación empeora conforme pasan os cursos. O profesorado dos conservatorios está de acordo en que harmonizar conservatorio e instituto non é doado. Serafín Marcos, director do Conservatorio Profesional ‘Felipe Paz Carvajal’ de Noia, considera que «non hai un plan de estudos onde o bacharelato e o conservatorio se compaxinen ben». Na E.S.O. existe a posibilidade de convalidar algunha materia, pero para o alumnado a reducción da carga lectiva é imperceptible, máis aínda se esa materia a cursan no medio da mañá e deben permanecer no centro educativo.

Doutra banda, algúns institutos teñen clases e exames pola tarde. «Ás veces nos I.E.S non axudan moito. Colocan exames pola tarde, cando temos nós actividades no conservatorio. Se a un alumno lle costa de por si chegar a todo, ter que facer sobreesforzos coma estes supón unha eiva importante», indica José Luis Taboada, director do Conservatorio Profesional de Lalín.

Ademais da falta de tempo, outro factor determinante é a vocación musical. Non todo o alumnado quere facer da música o seu estilo de vida. A maiores disto, se se lles pregunta aos estudantes por que motivo comezaron a tocar un instrumento, hai respostas que se repiten: «Eu non decidín empezar na música, foi miña nai quen me inscribiu ás probas de acceso e eu, como era un neno, non pensei moito se me gustaba ou non», indica Anxo Tejo, estudante de guitarra. «Eu quería entrar no conservatorio, ademais meu irmán xa estaba estudando clarinete, así que meus pais apuntáronme a música e movemento inicialmente», di Javier Lareu. «Inicieime máis ben como unha actividade extraescolar máis», revela Adrián Abuín. «A maior parte da miña familia ten estudos musicais, polo que decidiron apuntarme no conservatorio para que eu aprendese a tocar o instrumento que máis me gustase», comenta Iria Insua, tamén guitarrista.

Polo tanto, o núcleo familiar é o principal incentivo á hora de iniciarse na música, pero non garante a súa continuidade. Rodríguez considera que é fundamental que os pais entendan que a formación que se imparte nos conservatorios é oficial e non un hobbie. «Se isto non queda claro, existe o risco de que os rapaces estuden por rutina e, en moitos casos, sen saber por que o fan». Taboada tamén advirte que cada vez chega máis alumnado pensando que a música é unha actividade extraescolar «coma se fose informática». Non pasaba anos atrás: «Se viñan era porque querían, eran poucos os casos de pais que obrigasen aos fillos a vir ao centro».

O director do Conservatorio Profesional de Santiago, José Luis Quintás, pensa que cambiou o perfil do alumno: «O alumnado maior de hai anos estaba máis motivado e eran máis os que se querían adicar a isto. Agora, a maior parte o que queren é acabar o profesional e facer outras cousas, xa non ven un futuro na música».

Neste sentido, hai diferenzas entre o alumnado que se forma desde o principio no conservatorio, e os que comezan nas escolas de música. Cando un estudante está nunha escola e decide facer a proba de acceso ao conservatorio, xa chega cunha visión máis profesional e coa intención de mellorar e adicarse á música.


Necesario cambio de enfoque na educación musical

Falta de tempo, falta de motivación, presión e estrés por chegar a todo, ausencia de perspectivas de futuro. Ante todo isto, cabe considerar que debe cambiar para revertir a situación e facer dos conservatorios espazos menos agobiantes e máis estimulantes. Lareu bota en falta departamentos de psicoloxía ou coaching: «Ás veces é difícil manter as ganas de tocar, non viría mal un departamento deste tipo para axudar aos alumnos coa desgana ou a frustración». Claudia Rico, estudante de saxofón, desexaría «unha figura como a do orientador nos institutos que asesore aos rapaces de cara a continuar coa carreira de música, pois sempre hai moita incerteza e descoñecemento».

Doutra banda, a Pablo Fernández, que estuda piano, gustaríalle «que se ensine a parte máis artística da música, non só a técnica, senón a máis subxectiva da interpretación que permita desenvolver un estilo propio». Nunha liña semellante, Anxo Tejo pensa que o conservatorio «exclúe á xente que se ve interesada por campos da música que non son o instrumental», e propón engadir materias que exploren máis polo miúdo a composición, a dirección, a pedagoxía… Tamén Marta Vieiro, trompetista xa graduada, bota en falta «máis oferta de materias optativas para permitir experimentar todas as partes da música».

Con respecto á conciliación do conservatorio co instituto, non parece haber unha solución sinxela. Anos atrás barallouse a posibilidade de crear centros integrados nos que se impartisen ambas ensinanzas, coa fin de eliminar os tempos perdidos nos desprazamentos, mais Rodríguez pensa que «serían boa opción, pero só para aqueles alumnos que teñan claro que queren adicarse á música». Serafín Marcos tamén considera que serían boa alternativa para os estudantes, pero mala para os conservatorios, que perderían alumnado: «Nos conservatorios da Xunta hai máis seguridade porque están en cidades con máis poboación, pero en lugares como en Noia dependemos do alumnado doutros concellos e debemos pelexar para mantelos e seguir funcionando».

Quintás e Taboada optan por un reenfoque xeral na educación. Taboada lamenta que «cando se crean as leis de educación, somos os últimos. A lei de conservatorios non é perfecta, e leva case vinte anos sen cambios significativos». Do mesmo xeito, advirte que as ensinanzas superiores de música non son vistas ao mesmo nivel que a universidade, cando na realidade si que o son.

Quintás concorda con que os plans de estudos levan anos implantados sen cambios e que deben reconsiderarse: «Os nenos teñen moitas horas de clase, habería que ver se están empregadas da mellor maneira». O director do CMUS de Santiago, ademais, considera que existe un problema de base na educación dos rapaces: «Estou seguro de que o éxito ou o fracaso do alumno se forxa nos primeiros anos. Habería que conseguir que nesas primeiras etapas conectasen coa música, porque se se consegue, non abandonan».



METODOLOXÍA

Esta reportaxe foi elaborada con datos públicos que foron solicitados aos conservatorios profesionais de música públicos de Galicia. Os datos foron requeridos aos trinta e seis centros educativos deste tipo que están en funcionamento na comunidade, mais só se recibiron datos de sete: CMUS Profesional da Estrada, CMUS Profesional de Lalín, CMUS Profesional ‘Felipe Paz Carvajal’ de Noia, CMUS Profesional de Ourense, CMUS Profesional ‘Manuel Quiroga’ de Pontevedra, CMUS Profesional de Santiago de Compostela e CMUS Profesional de Xinzo de Limia. 

Coa información aportada, relativa ao número de alumnado matriculado por cursos nos respectivos conservatorios nos últimos anos, elaboráronse as táboas e as conclusións desta reportaxe. Parte dos datos poden consultarse directamente nos infográficos publicados.

É de lamentar a falta de documentación dos restantes conservatorios, por motivos diferentes (desde a ausencia de datos dixitalizados á falta de tempo para recabalos por parte dos centros), polo que nun futuro sería de interese elaborar un estudo máis exhaustivo desta situación contando con toda a documentación necesaria a nivel autonómico. 

6 opiniones en “Eterno —e arduo— traballo para converterse en músico profesional”

  1. Pois eu teño pensado deixar o conser en sexto de profesional xa q no teño pensado dedicarme á música e tamén seríame moi difícil compaxinar o grao superior coa universidade

    Me gusta

    1. Ola, Óscar!
      Hai moitos estudantes de música que, coma ti, non pretenden facer da música a súa saída profesional e toman esta formación como unha afección, de aí que non continúen cos estudos superiores. Efectivamente, compaxinar o grao superior coa universidade non é sinxelo, porque son dúas titulacións que están ao mesmo nivel de esixencia (un nivel certamente elevado).

      Grazas polo teu comentario!

      Me gusta

  2. Eu entrei tarde no conservatorio xa que comezara a estudar música nunha escola municipal. Vou con tres anos de retraso, iso a hora de facer a carreira de música é un grave inconveniente e máis se o teño que compaxinar co comezo da universidade (agora estou en 3º de profesional e 2 de BACH) pero vou tentar sacar a carreira musical.

    Me gusta

    1. Ola, Ela!
      Hai moitas persoas que, coma ti, comezan os estudos regrados de música despois de pasar por unha escola de música. É un pensamento habitual pensar que se vai ‘con retraso’ por non entrar nun conservatorio coas idades habituais (12 anos no caso do grao profesional), pero a realidade é que hai multitude de alumnado que comeza a idades máis tardías o grao e acaba por rematalo. Isto dáse especialmente naquelas persoas que veñen de escolas de música, porque teñen claro que a música lles interesa.
      Que teñas a intención de rematar a carreira musical é moi positivo. Simplemente tes que pensar que, se ademais vas a realizar un grao universitario, serán dous graos superiores que están ao mesmo nivel e polo tanto cun nivel de esixencia alto. Pero hai moitos casos de estudantes que fixeron isto, e con éxito!

      Un saúdo e moito ánimo co teu futuro. Grazas polo comentario!

      Me gusta

  3. Eu pola miña parte non o teño decidido, pero inclínome máis pola opción de rematar o profesional e despois non facer o superior, o cal non conleva deixar o instrumento, só non proseguir os estudos por medo a non poder compaxinando coa Universidade.

    Me gusta

    1. Ola, Antón!
      Pois efectivamente, non facer o grao superior non implica o abandono total da música, moi bo apunte. É normal que te decantes por outra alternativa profesional se é o que desexas. Verdadeiramente compaxinar o grao superior coa universidade é todo un reto. O grao profesional aporta unha base importante que seguro che será útil para outro tipo de formacións.

      O problema que se dá nalgúns casos é que hai persoas que consideran as ensinanzas musicais ‘de segundo nivel’, cando están á mesma altura que calquera outra carreira. Dado que es músico, seguro que es consciente desta situación. É preciso normalizar o traballo que hai detrás destes estudos.

      Moito ánimo coa música e co futuro! Grazas polo comentario!

      Me gusta

Deja un comentario

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar