Eterno —e arduo— traballo para converterse en músico profesional

O alumnado dos conservatorios profesionais de Galicia diminúe nos cursos centrais, coincindo cos anos de maior carga lectiva. A falta de tempo, a carencia de motivación e os altos niveis de estrés son as principais causas do abandono das ensinanzas musicais

Lucía chega do instituto ás tres da tarde e unha hora despois xa está no coche de camiño ao conservatorio.

Anxo ten que coller dous autobuses para desprazarse desde a súa casa ata o conservatorio, máis de tres horas de traxecto entre ida e volta. Está exhausto.

Adrián tiña aulas de música a primeira e a última hora da tarde, cun tempo morto no medio pouco produtivo para realizar outras actividades.

Marta perdeu a motivación por estudar música nos últimos anos do grao profesional.

Lucía, Anxo, Adrián e Marta poden ser calquera dos centos de mozos e mozas que estudan nalgún conservatorio profesional de Galicia. Os estudos de música inícianse habitualmente en idades temperás como unha actividade extraescolar máis, pero a realidade é que as ensinanzas regradas supoñen o inicio dunha carreira longa e esixente que non en todos os casos chega a rematarse. Os motivos son variados, pero a falta de tempo, coa consecuente dificultade para compaxinar a formación musical coa do instituto, é unha das principais causas.

É posible estudar música por varias vías. As máis habituais, as escolas de música e os conservatorios. En Galicia, segundo o Portal Educativo da Xunta, contabilízanse un total de 79 escolas de música de titularidade pública espalladas polas catro provincias, e nomeadamente na Coruña e en Pontevedra. En cambio, só hai 36 conservatorios de música profesional públicos na comunidade.

A principal diferenza entre os dous tipos de centro é que as escolas de música non ofrecen ensinanzas oficiais; polo tanto, non se outorga ao alumnado un título que avale a formación adquirida. Por este motivo, as escolas están máis orientadas ás persoas que desexan estudar de música por afección. A carga lectiva, que contempla asignaturas á parte da ensinanza do instrumento, como linguaxe musical e banda, é moito menor que a dun conservatorio, con moitas menos horas semanais.

Un conservatorio busca formar a profesionais da música, brindando aos alumnos a posibilidade de estudar unha carreira superior, equivalente a un grao universitario, que permita converter a música nunha profesión. Os estudos, oficiais, organízanse por cursos nos que se imparten materias complementarias á práctica instrumental que levan a esa profesionalización: harmonía, análise musical, historia da música, orquestra, banda, música de cámara…

Intres previos ao inicio do ensaio da orquestra do CMUS Profesional de Santiago. | Lucía Ortigueira P.

En total, son 14 os anos que precisa un estudante de música para conseguir o título superior de música, divididos en tres ciclos. Habitualmente, un neno comeza con oito anos a Ensinanza Elemental, que son catro cursos. Vía proba de acceso, o alumno entra na Ensinanza Profesional, seis anos que adoitan coincidir cos do instituto. Finalmente, é posible ingresar na Ensinanza Superior, catro anos que teñen a mesma correspondencia que unha carreira universitaria. A partir de aí, é posible facer mestrados ou mesmo un doutoramento.

Parte importante das persoas que inician os estudos oficiais de música non chegan a obter o título superior. As baixas adoitan darse ou ben ao finalizar o primeiro ciclo, o grao elemental; ou na metade do grao profesional, sobre todo nos anos que coinciden co bacharelato. Ademais, un número alto de estudantes de música rematan o grao profesional pero deciden non facer as probas de acceso ao superior para escolleren outras carreiras.

Isto leva acontecendo anos. La Voz de Galicia xa informaba no 2015 da alta porcentaxe de abandono nos conservatorios dependentes da Xunta, que reducían o seu alumnado case á metade entre o primeiro e o último curso do profesional. Porén, a situación non é igual en todos os conservatorios. Atopamos que nalgúns mesmo se amplía o alumnado conforme aumentan os cursos.

Atendemos á evolución número de estudantes para este ano académico nos cursos do grao profesional de seis conservatorios públicos de Galicia. A situación é diversa: o CMUS de Ourense e o de Santiago de Compostela ven como as matrículas medran, mentres en Lalín ou Xinzo de Limia se detecta un descenso.

En liñas xerais, a evolución do alumnado por cursos é semellante por ano educativo. Así, se se fai unha radiografía dos últimos dez anos, pode advertirse que a situación dos conservatorios non mudou en demasía, con salvidades. Ese aumento das matrículas no sexto curso nos conservatorios de Ourense, Santiago de Compostela e tamén en Pontevedra non se daba antes do curso 2020/2021. Tamén é certo que desde a pandemia o número de matrículas no primeiro curso do profesional diminuíu considerablemente nos centros de Santiago e Ourense, polo que o alumnado se recupera co incremento nos últimos cursos.

Esta tendencia non se rexistra nos restantes conservatorios analizados. Si que se produce unha caída importante nas matriculacións de primeiro curso no ano 2021/2022 con respecto ao anterior, mais no 2022/2023 xa mesmo se melloran as cifras previas á pandemia.

Cabe dicir que as diferenzas no número de alumnado dos seis centros se deben a unha razón fundamental. Os conservatorios de Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela están localizados en cidades que cobren unha zona xeográfica maior, e ademais dependen directamente da Xunta de Galicia. Polo tanto, son centros máis grandes e que teñen a capacidade para albergar a máis estudantes. Os centros da Estrada, Lalín e Xinzo de Limia son de administración municipal e a súa área de influencia é menor. Do mesmo xeito, ao seren edificios máis pequenos, teñen unha capacidade de alumando menor, polo que non se abren tantas prazas anualmente coma nos da Xunta.

Malia as salvidades que se rexistran por curso académico nos conservatorios analizados, e nomeadamente nos de titularidade autonómica despois da pandemia, é perceptible que o número de alumnos que comezan e que rematan o grao profesional diminúe en distintos niveis, e os puntos de baixada máis chamativos sitúanse entre o terceiro e o quinto curso.

O terceiro curso do grao profesional supón un cambio con respecto aos dous anteriores, pois as materias que se cursan cambian e vólvense máis esixentes. Comeza a aprendizaxe de harmonía, disciplina máis teórica e, para a maioría das especialidades, iníciase a obrigatoriedade de aprender piano complementario. Aínda que o novo currículo non supoña un aumento de horas semanais considerable, si que se amplía a carga de traballo persoal, porque as novas asignaturas requiren un esforzo maior fóra do centro educativo.

Un alumno estuda unha peza de Schubert para a materia de Análise Musical. | Lucía Ortigueira P.

Lorena Rodríguez, profesora de clarinete no Conservatorio Profesional ‘Xoan Montes’ de Lugo, indica que «algúns alumnos, ao ver que a actividade vai in crescendo, deciden tomar a música coma un pasatempo. Chega un punto no que consideran que destinan demasiado tempo a algo ao que non se queren adicar».

Cando xa estaba en cuarto de profesional na especialidade de trompeta, Adrián Abuín decidiu abandonar o conservatorio: «Quitábame demasiado tempo e non sentía que estaba aprendendo realmente. O grao chegou a afectarme negativamente no resto dos ámbitos da miña vida, tanto académicos coma persoais, polo que valorei as miñas preferencias e deixeino».

A falta de tempo é un motivo que esgrime gran parte do alumnado á hora de valorar a posibilidade de deixar de estudar música. Abuín indica que parte do tempo diario que perdía se debía ao desprazamento entre a súa casa e o conservatorio, ademais de que «o sistema de escolla de horarios por idades rompe completamente o estilo de vida de cada un. Moitas veces tiña que estar no conservatorio toda a tarde porque tiña clase de 16:00h a 17:00h e de 20:00h a 21:00h, polo que non podía adicarme a outras actividades». No grao profesional, o alumnado con menos idade ten preferencia para elixir as horas ás que quere asistir a cada materia. É unha maneira de axudar á conciliación, pero grande parte do alumnado adulto do conservatorio remata por ter horarios imposibles de cadrar mesmo con outros estudos superiores.

O mesmo lle acontece a Javier Lareu, estudante de frauta travesa no Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela: «As horas que lle adicamos non parecen importar fóra do conservatorio. Non falo das horas de estudo, que tamén afectan, falo dos horarios que rompen tardes enteiras. Ademais, canto máis medras menos poder de decisión tes respecto aos horarios a pesares de ter máis responsabilidades e máis horas ocupadas».

A situación empeora conforme pasan os cursos. O profesorado dos conservatorios está de acordo en que harmonizar conservatorio e instituto non é doado. Serafín Marcos, director do Conservatorio Profesional ‘Felipe Paz Carvajal’ de Noia, considera que «non hai un plan de estudos onde o bacharelato e o conservatorio se compaxinen ben». Na E.S.O. existe a posibilidade de convalidar algunha materia, pero para o alumnado a reducción da carga lectiva é imperceptible, máis aínda se esa materia a cursan no medio da mañá e deben permanecer no centro educativo.

Doutra banda, algúns institutos teñen clases e exames pola tarde. «Ás veces nos I.E.S non axudan moito. Colocan exames pola tarde, cando temos nós actividades no conservatorio. Se a un alumno lle costa de por si chegar a todo, ter que facer sobreesforzos coma estes supón unha eiva importante», indica José Luis Taboada, director do Conservatorio Profesional de Lalín.

Ademais da falta de tempo, outro factor determinante é a vocación musical. Non todo o alumnado quere facer da música o seu estilo de vida. A maiores disto, se se lles pregunta aos estudantes por que motivo comezaron a tocar un instrumento, hai respostas que se repiten: «Eu non decidín empezar na música, foi miña nai quen me inscribiu ás probas de acceso e eu, como era un neno, non pensei moito se me gustaba ou non», indica Anxo Tejo, estudante de guitarra. «Eu quería entrar no conservatorio, ademais meu irmán xa estaba estudando clarinete, así que meus pais apuntáronme a música e movemento inicialmente», di Javier Lareu. «Inicieime máis ben como unha actividade extraescolar máis», revela Adrián Abuín. «A maior parte da miña familia ten estudos musicais, polo que decidiron apuntarme no conservatorio para que eu aprendese a tocar o instrumento que máis me gustase», comenta Iria Insua, tamén guitarrista.

Polo tanto, o núcleo familiar é o principal incentivo á hora de iniciarse na música, pero non garante a súa continuidade. Rodríguez considera que é fundamental que os pais entendan que a formación que se imparte nos conservatorios é oficial e non un hobbie. «Se isto non queda claro, existe o risco de que os rapaces estuden por rutina e, en moitos casos, sen saber por que o fan». Taboada tamén advirte que cada vez chega máis alumnado pensando que a música é unha actividade extraescolar «coma se fose informática». Non pasaba anos atrás: «Se viñan era porque querían, eran poucos os casos de pais que obrigasen aos fillos a vir ao centro».

O director do Conservatorio Profesional de Santiago, José Luis Quintás, pensa que cambiou o perfil do alumno: «O alumnado maior de hai anos estaba máis motivado e eran máis os que se querían adicar a isto. Agora, a maior parte o que queren é acabar o profesional e facer outras cousas, xa non ven un futuro na música».

Neste sentido, hai diferenzas entre o alumnado que se forma desde o principio no conservatorio, e os que comezan nas escolas de música. Cando un estudante está nunha escola e decide facer a proba de acceso ao conservatorio, xa chega cunha visión máis profesional e coa intención de mellorar e adicarse á música.


Necesario cambio de enfoque na educación musical

Falta de tempo, falta de motivación, presión e estrés por chegar a todo, ausencia de perspectivas de futuro. Ante todo isto, cabe considerar que debe cambiar para revertir a situación e facer dos conservatorios espazos menos agobiantes e máis estimulantes. Lareu bota en falta departamentos de psicoloxía ou coaching: «Ás veces é difícil manter as ganas de tocar, non viría mal un departamento deste tipo para axudar aos alumnos coa desgana ou a frustración». Claudia Rico, estudante de saxofón, desexaría «unha figura como a do orientador nos institutos que asesore aos rapaces de cara a continuar coa carreira de música, pois sempre hai moita incerteza e descoñecemento».

Doutra banda, a Pablo Fernández, que estuda piano, gustaríalle «que se ensine a parte máis artística da música, non só a técnica, senón a máis subxectiva da interpretación que permita desenvolver un estilo propio». Nunha liña semellante, Anxo Tejo pensa que o conservatorio «exclúe á xente que se ve interesada por campos da música que non son o instrumental», e propón engadir materias que exploren máis polo miúdo a composición, a dirección, a pedagoxía… Tamén Marta Vieiro, trompetista xa graduada, bota en falta «máis oferta de materias optativas para permitir experimentar todas as partes da música».

Con respecto á conciliación do conservatorio co instituto, non parece haber unha solución sinxela. Anos atrás barallouse a posibilidade de crear centros integrados nos que se impartisen ambas ensinanzas, coa fin de eliminar os tempos perdidos nos desprazamentos, mais Rodríguez pensa que «serían boa opción, pero só para aqueles alumnos que teñan claro que queren adicarse á música». Serafín Marcos tamén considera que serían boa alternativa para os estudantes, pero mala para os conservatorios, que perderían alumnado: «Nos conservatorios da Xunta hai máis seguridade porque están en cidades con máis poboación, pero en lugares como en Noia dependemos do alumnado doutros concellos e debemos pelexar para mantelos e seguir funcionando».

Quintás e Taboada optan por un reenfoque xeral na educación. Taboada lamenta que «cando se crean as leis de educación, somos os últimos. A lei de conservatorios non é perfecta, e leva case vinte anos sen cambios significativos». Do mesmo xeito, advirte que as ensinanzas superiores de música non son vistas ao mesmo nivel que a universidade, cando na realidade si que o son.

Quintás concorda con que os plans de estudos levan anos implantados sen cambios e que deben reconsiderarse: «Os nenos teñen moitas horas de clase, habería que ver se están empregadas da mellor maneira». O director do CMUS de Santiago, ademais, considera que existe un problema de base na educación dos rapaces: «Estou seguro de que o éxito ou o fracaso do alumno se forxa nos primeiros anos. Habería que conseguir que nesas primeiras etapas conectasen coa música, porque se se consegue, non abandonan».



METODOLOXÍA

Esta reportaxe foi elaborada con datos públicos que foron solicitados aos conservatorios profesionais de música públicos de Galicia. Os datos foron requeridos aos trinta e seis centros educativos deste tipo que están en funcionamento na comunidade, mais só se recibiron datos de sete: CMUS Profesional da Estrada, CMUS Profesional de Lalín, CMUS Profesional ‘Felipe Paz Carvajal’ de Noia, CMUS Profesional de Ourense, CMUS Profesional ‘Manuel Quiroga’ de Pontevedra, CMUS Profesional de Santiago de Compostela e CMUS Profesional de Xinzo de Limia. 

Coa información aportada, relativa ao número de alumnado matriculado por cursos nos respectivos conservatorios nos últimos anos, elaboráronse as táboas e as conclusións desta reportaxe. Parte dos datos poden consultarse directamente nos infográficos publicados.

É de lamentar a falta de documentación dos restantes conservatorios, por motivos diferentes (desde a ausencia de datos dixitalizados á falta de tempo para recabalos por parte dos centros), polo que nun futuro sería de interese elaborar un estudo máis exhaustivo desta situación contando con toda a documentación necesaria a nivel autonómico. 

C.R.A. de Valga: O rexurdimento da escola rural

Fundábase o 28 de xullo do ano 2000 o Colexio Rural Agrupado (C.R.A.) de Valga, constituído por seis escolas que a día de hoxe seguen en funcionamento: Campaña, Chenlo, Ferreirós, Forno, Vilarello e Xanza. Lonxe de existir riscos para a súa supervivencia, como aconteceu con moitos pequenos centros educativos que non conseguiron acoller a un mínimo de alumnado, o CRA de Valga vive un dos seus mellores momentos.

Un colexio rural agrupado é un conxunto de pequenas escolas, que se atopan espalladas ao longo dun concello. O director do CRA de Valga, Adrián Baloira, sintetízao cunha frase que se adoita utilizar para definir a estes centros: “as aulas son as diferentes escolas e os corredores son as estradas”. En cada escola hai un mestre ou mestra titor fixo, e os profesores especialistas (que imparten materias como música, educación física, relixión…) vanse movendo entre elas segundo un horario. Para a atención á diversidade do alumnado, no CRA teñen un departamento de orientación do que forman parte unha especialista en Audición e Linguaxe e outra en Pedagoxía terapéutica, ademais de dúas coidadoras.

Característica diferencial das escolas que forman os colexios rurais agrupados son as ratios pequenas de alumnado. No caso de Valga, as aulas -que son mixtas; isto é, que conviven nenos e nenas de diferentes idades- contan con arredor de dez alumnos cada unha.

Nos seus case 21 anos de percorrido, o CRA de Valga foi evolucionando ata o que é agora. Entrar nunha das súas aulas é como abrir as portas a un mundo novo, a ledicia dos nenos enche de luz os espazos e contaxiarse do ambiente é inevitable. Nisto ten moito que ver o equipo de profesorado, debido á súa enorme implicación en tódolos eidos que afectan ao funcionamento do colexio.

En Galicia, a diferenza do que ocorre no resto das comunidades autónomas do estado español, a creación dun C.R.A. xorde da iniciativa dos mestres e mestras, que se responsabilizan de levalo adiante. O primeiro en abrir sería o CRA de Teo, baixo a dirección do mestre e pedagogo Ángel Segovia. Este comenta que se ben a idea inicial parte do profesorado, que logo lla propón aos pais e nais, “é obrigatorio que o concello se comprometa co proxecto”. Trátase dun pacto entre todas as partes involucradas. “O concello debe comprometerse co mantemento, porque non se lle pode dar máis traballo ao profesorado”, sentencia.

Jose María Bello Maneiro é na actualidade o alcalde de Valga, pero xa o era cando se fundou o CRA. Lembra que no seu día tanto o profesorado como o concello “entendiamos que agrupar todos os colexios ía dar un impulso positivo ao alumnado da época”. Houbo un forte interese en levar adiante a escola e así llo trasladaron á Consellería de Educación.

En España o panorama é diferente: a decisión parte desde a Administración, que un día decidiu que todas as escolas unitarias se debían agrupar. Isto, sen preguntarlles antes nin aos profesores nin aos pais. Outra diferenza é que habitualmente as escolas se xuntan por comarcas, e non por concellos.

A razón vén do contexto inmediatamente anterior. Na década dos setenta o ministro de Educación e Ciencia por aquel entón, José Luis Villar Palasí, promulgou a Lei Xeral de Educación, pola que establecía a ensinanza obrigatoria ata os 14 anos. Unido a isto, decidiu crear colexios nas vilas grandes aos que acudisen todos os rapaces, provocando deste xeito a desaparición das escolas unitarias, que non adoitaban ofertar todos os cursos académicos. O que se pretendía, en síntese, era que todas as escolas tivesen as mesmas condicións, pero perdíanse os valores das pequenas escolas.

Con todo, nos anos oitenta prodúcese un cambio de conciencia, derivado do despoboamento do rural, polo que se volven a poñer en valor as unitarias, situadas nesas áreas. Van abrindo progresivamente, aínda sen chegar ao número das que había antes da lei de Villar Palasí, e iso, para Ángel Segovia, “foi un acto reivindicativo, porque reabrir as escolas significaba gasto para un concello. Houbo vontade política e social”. A raíz disto, no 1987 promúlgase a través de Real Decreto a constitución dos CRA, para fortalecer a situación das escolas unitarias permitindo a súa agrupación en Colexios Rurais Agrupados de Educación Xeral Básica.

O presente Real Decreto propón facer posible que o desexable mantemento de pequenas escolas non vaia en detrimento da súa fortaleza organizativa mediante a constitución de colexios rurais agrupados promovidos pola administración educativa e as comunidades rurais a partir de proxectos pedagóxicos ou organizativos concretos. Ditos colexios poderán revestir as formas e organización máis axeitadas ás características xeográficas e socioculturais de cada ámbito rural mediante unha distribución flexible das instalacións docentes e deportivas dos equipamentos e da propia actividade docente.

Real Decreto 2731/1986, de 24 de decembro, sobre constitución de Colexios Rurais Agrupados de Educación Xeral Básica.

Segovia destaca do modelo galego o traballo que houbo detrás para montar os CRA, sobre todo a nivel organizativo. No seu día creou AMCRAGA, a asociación de mestres e mestras dos CRA de Galicia, xunto con outros profesionais da educación implicados. A través desta entidade mantivéronse reunións frecuentes coa Administración, e a día de hoxe é un mecanismo imprescindible para a coordinación de todos os colexios rurais agrupados de Galicia: “na asociación sempre fixemos as cousas coordinadamente, os plantexamentos que facemos son conxuntos e debatímolos unha vez ao mes, para logo trasladarllos á Administración”.

Desde a súa fundación, a historia de vida dos CRA pasou por varias etapas. Tralos anos iniciais, nos que foron nacendo paulatinamente, no período comprendido entre o 2003 e o 2017 produciuse un peche inexorable de moitas escolas unitarias por mor do éxodo rural, segundo o informe Os colexios rurais agrupados en Galicia, centros con calidade, firmado polo propio Ángel Segovia xunto con María Lourdes Maceiras no 2018. A existencia dos CRA posibilitou a pervivencia de moitas escolas rurais, constituíndose como a solución útil para manter a ensinanza nese entorno. Na actualidade, estase a producir unha pequena mellora da saúde destes centros, condición que se pode apreciar nos aumentos das matrículas.

Fonte: Xunta de Galicia. Elaboración Propia.

“A conciencia da xente cambiou. Agora os pais e nais queren levar aos seus nenos a centros próximos e rurais”

Malia o que poida parecer, non foi a pandemia do coronavirus a que motivou o aumento nas matrículas dos CRA, ou cando menos non foi o caso no colexio de Valga. Adrián Baloira percibe que aos pais e nais lles interesa levar aos fillos a escolas do rural porque valoran as súas metodoloxías de ensino, moi vinculadas coa natureza e o entorno próximo: “a matrícula baixara desde hai dez anos pero agora está repuntando, porque a conciencia da xente cambiou. Agora os pais e nais queren levar aos seus nenos a centros próximos e rurais, que grazas á súa relación coa natureza estimulan as habilidades do alumnado”.

Aínda que un Colexio Rural Agrupado por definición pode acoller alumnado desde os 3 aos 12 anos, aproximadamente (educación infantil e primaria), o CRA de Valga céntrase exclusivamente na ensinanza infantil. E ao centro non só acoden nenos do propio concello, senón doutras contornas próximas coma Cuntis, Caldas de Reis ou Catoira. “Elíxennos porque algo se está facendo ben”, comenta Adrián, “e a implicación do profesorado ten moito que ver”. Xa non é só que os mestres sexan o piar fundamental para a formación dos CRA, senón que traballan día a día na mellora do benestar dos centros.

Recentemente, o equipo de profesores do C.R.A. de Valga levou a cabo tarefas de remodelación nas seis pequenas escolas. A través do programa Embelecer Valga, que promove o concello para implicar á poboación no coidado da contorna e infraestruturas aportándolles os materiais necesarios para elaborar os traballos, pintaron as portas, reacondicionaron as aulas, arranxaron os patios e melloraron o mobiliario. “Poderiamos ter as aulas como as tiñamos, pero decidimos cambiar un pouco a súa dinámica e deste xeito as familias vén que somos un centro vivo”, afirma Adrián, que destaca ademais a colaboración do concello que os dota de moitos recursos.

“Hai un entendemento total entre o profesorado e o concello, tentamos facer todo o que podemos, pensando en que estamos tratando con nenos cunha idade que os marcará”, corrobora o Alcalde do municipio.

É salientable asimesmo o involucradas que están as familias, que incluso foron axudar aos mestres durante as obras: “Pasamos moitas horas traballando, as familias mesmo viñan nas primeiras semanas de setembro polas tardes para colaborar”. O vínculo entre profesorado e familias é grande, unha relación que nace dos contactos á primeira e última hora da mañá nas portas das escolas, onde se intercambian comentarios sobre o estado de ánimo, o comportamento ou o humor dos nenos nese día.

A xornada educativa esténdese desde as nove da mañá ás dúas da tarde. Non hai transporte público, nin comedor para o mediodía. En lugar diso, os rapaces veñen andando acompañados dos seus pais. Isto, que para algúns é un dos principais motivos para decantarse por un centro ordinario como pode ser un C.E.I.P (que pode contar cos servizos de transporte e comedor), é en cambio un dos elementos máis beneficiosos da educación do rural. A miúdo se relaciona o concepto “conciliación” con pasar menos tempo cos nenos, deixalos máis horas na escola para poder atender a vida laboral. Pero desde o CRA teñen unha visión ben diferente.

A conciliación é pasar máis tempo co neno. Aquí temos o luxo de que os pais poden adicar tempo ao alumnado e mesmo teñen conversas co profesorado, o que repercute positivamente na calidade da ensinanza”, asegura Adrián Baloira. Así refórzanse os vínculos familiares. O mellor coñecemento sobre as inquedanzas e necesidades dos nenos deriva á súa vez nunha mellor atención por parte dos mestres.

Para que un centro destas características poida dar o mellor de si é necesario contar cunha dotación económica suficiente. A principios de curso organízase unha reunión co Concello no que o profesorado emite unha relación dos recursos que necesitarán para o ano académico. As aportacións a nivel mantemento ou obras son competencia do goberno municipal e a ese nivel traballan. Non hai un montante económico específico destinado ao CRA, pero o orzamento provén das partidas para educación coas que conta o Concello, fondos que proveñen integramente das arcas do municipio, e non da Xunta nin da Deputación.

Doutra banda, este ano, o CRA de Valga recibiu 7.500 euros da Consellería de Educación para investir (en gastos de transporte do profesorado e compra de materiais), pero adoitan apuntarse a programas e proxectos da mesma institución para aumentar a contía. A través deses proxectos xustifican as actividades que desenvolverán durante o curso e poden chegar a duplicar a asignación anual. Este curso, chegaron a obter 23.000 euros.

Actualmente levan a cabo accións para buscar a mellora da convivencia do centro e da excelencia educativa, a través de diferentes Contratos-Programa en colaboración coa Consellería como Eduemociona, que pretende “favorecer o desenvolvemento da educación emocional, social e creativa para conseguir un maior benestar persoal, social e laboral a través do traballo co profesorado, alumnado e familias”, segundo reza a convocatoria do programa publicado pola Xunta de Galicia.

Tamén desenvolven plans en prol do estilo de vida saudable, mediante actividades de estimulación da actividade deportiva e pautas para unha alimentación sá. Doutra banda, a implicación co medio ambiente é grande, por iso participan en Voz Natura, programa por medio do que La Voz de Galicia subvenciona proxectos medioambientais. Á súa vez, incorporan nas actividades de cada día das escolas tarefas vinculadas coa fauna, os ríos e a paisaxe.

O pasado ano, a partir da iniciativa da ANPA do centro (ANPA Pequeval), pediron 2.400 euros á Consellería para destinalos á compra de libros relacionados coa educación en igualdade. O obxectivo era crear un banco de libros que cederían ás escolas. Deste xeito, conseguiron 20 libros para cada escola, libros elixidos polo propio profesorado atendendo aos intereses do alumnado. A raíz disto este ano tamén se decidiron a solicitar un banco de recursos materiais, como xogos, relacionados coa temática de igualdade de xénero, tamén xestionado pola ANPA e que viaxa de escola en escola. Para levar a cabo estas ideas, tamén adoitan contar coa axuda económica das familias e do concello.

A ANPA Pequeval supón un importante apoio no desenvolvemento das actividades que se promoven no CRA de Valga. “Á hora de xestionar axudas desde a presidencia da ANPA sempre están moi dispostos e sacan tempo para facelo”, agradece o director do centro, que destaca a constante implicación co alumnado que demostran.

É habitual que fagan reunións a principios de curso para consensuar as ideas dos pais e nais sobre a relación coa escola e as actividades que se realizarán, así como as directrices que queren de cara ao equipo docente. A presidenta da ANPA, Pilar López, apunta así e todo que “desde o CRA fan unha tarefa realmente boa e por iso non é necesario que a ANPA estea encima vixiando que as cousas se fagan da que se considera a maneira correcta”.

“Os pais que son conscientes das novas didácticas e metodoloxías de ensinanza están encantadísimos”

Este bo facer repercute na satisfacción das familias. O CRA de Valga traballa a día de hoxe na incorporación de novas metodoloxías, que avogan pola participación máis intensa dos nenos en temas emotivos e sensoriais. Os pais que reparan na importancia destas didácticas están encantados co centro, segundo comenta Pilar López. De feito, considera que proxenitores que non tiñan pensado traer aos seus fillos a un centro destas características, logo de ver o grao de involucración do equipo de profesorado tanto no referente á ensinanza como en tarefas colaterais como as remodelacións das aulas, rematan por quedar moi satisfeitos.

Desde hai uns anos, o CRA utiliza as redes sociais para compartir as súas dinámicas de traballo. A día de hoxe todas as escolas teñen un perfil propio en Instagram xestionado polas titoras no que suben fotografías, vídeos e stories das actividades que realizan os nenos durante o día. Isto converteuse nun reclamo para moitos pais e nais, que se deciden a dar o paso para matricular aos seus fillos en colexios rurais, pero tamén para outros CRA, que quedan fascinados polas metodoloxías do centro valgués e as incorporan ás súas escolas. “Parece que temos franquicias espalladas polo territorio”, di entre risas Adrián, logo de mencionar que mestres doutros centros rurais visitan o de Valga para tomar ideas e vivir de primeira man como é a educación no CRA.

Antía Piñeiro, titora da escola de Vilarello, reúne no Instagram a máis de 6.000 seguidores, e cada día recibe preguntas de moitos mestres e pedagogos, algúns incluso de países afastados coma Chile. É unha mostra de que o que se fai gusta e funciona. Pero coma con todo o que se comparte en redes, existe unha cara negativa. As titoras fan todo de forma desinteresada, elas mesmas programan e xestionan os recursos e actividades que fan cos nenos e despois compártenas no Instagram, para que poidan servir a outros profesionais. Antía, por exemplo, publica a súa programación pedagóxica para que todos saiban o por que da súa metodoloxía.

O problema chega cando algúns perfís se adican a coller estes recursos, traducilos a outros idiomas e vendelos como propios para sacar cartos. Materiais, xogos, padróns… aos que as mestras adicaron moito tempo sen recibir compensación económica a cambio. É algo que xera bastante decepción, “pero tamén hai xente que o agradece e iso é importante”, comenta Antía.


Perfil de Instagram da Escola de Vilarello. Fonte: instagram.com/escoladevilarello
 

Beatriz Martínez vive en Cuntis, coñeceu o CRA a través de Instagram e leva ao seu fillo cada día á escola de Vilarello. Considera que a educación ofertada é moi diferente á que se lle brindaría nun colexio ordinario, e destaca “a autonomía que adquiren os nenos, o respeto á diversidade entre eles e a educación en valores”. Por iso tentou compatibilizar o seu traballo coa posibilidade de achegar ao seu fillo á escola de Valga.

Tamén percibe que, a diferenza do que acontecía cando ía á gardería, o seu neno vai contento á escola. “As profesoras son un apoio e están moi atentos ás necesidades de cada neno, adáptanse a eles”. Nisto teñen moito que ver as ratios pequenas.

Como se comentou, nun CRA o alumnado por aula é reducido. É unha das características que posibilitan a personalización da educación para cada neno. No CRA de Valga hai neste curso 2020/2021 60 alumnos matriculados e un total de 18 mestres, polo que practicamente podería haber un profesor para cada tres ou catro nenos. É habitual que, ademais da titora que sempre está na aula, haxa un especialista á vez prestando apoio.

A Administración fixa en cinco o número mínimo de alumnos que debe haber matriculados nunha escola para que esta siga en funcionamento. Esta adoita ser unha das razóns polas que moitas unitarias rematan por pechar as súas portas, cando realmente é un factor moi ambiguo. Os índices de natalidade ou pequenas migracións poden provocar que nun ano non haxa nenos no concello para asistir á escola, pero é posible que o seguinte curso si que os haxa. A este respecto, Ángel Segovia opina que “habería que ser máis flexibles”.

No resto de España, as escolas poden estar abertas con 3 alumnos, pero ademais tamén se adaptan ás distintas situacións que poden afectar ás ratios. “Nun ano pode non haber nenos e noutro si. Hai que entender que pode haber nenos que veñan detrás. A solución non é cerrar automaticamente as escolas”, sentencia Segovia.

Xunto co pequeno número de alumnos, as aulas son ademais mixtas, aprenden xuntos nenos e nenas de diferentes idades. E isto é súper enriquecedor. No patio da escola de Vilarello, dúas nenas xogan na randeeira: as máis maior explícalle á pequena como se ten que impulsar. O mesmo pasa nas aulas, os nenos de tres anos observan o que fan os maiores e inconscientemente van adquirindo coñecementos, mentres os de cinco anos comezan a sentírense responsables do coidado dos seus compañeiros.

Ángel Segovia denomina esta aprendizaxe como “educación multinivel”. Asegura que a educación é progresiva e que convivir a distintos ritmos é favorable en moitos aspectos, como o da convivencia e o da inclusión.

Nun Colexio Rural Agrupado, a vinculación coa contorna próxima e a natureza é fundamental. Begoña Caldas, nai dunha nena que asiste á escola de Vilarello, destaca este factor como un dos máis beneficiosos do centro, así como o método de ensinanza da titora Antía. Conta que anos atrás tivo a outro neno no CRA e daquela “as didácticas eran máis tradicionais. Agora a aprendizaxe baséase en proxectos cos que eu creo que aprenden moitísimo máis”.

Cada ano, o equipo de profesorado decide unha temática ou dúas que marcarán a traxectoria das actividades que se realicen durante o curso. Pero en cada escola, as titoras adáptanas aos intereses do seu alumnado, de xeito que xorden diversas variantes dunha mesma idea inicial. Isto permite que todos os nenos e nenas se sintan integrados. Antía Piñeiro afirma que “todos os nenos destacan e ningún queda atrás porque hai material preparado para todos. Calquera neno que teña algunha inquietude a pode manifestar”. O alumnado é o protagonista.

Para aproveitar ao máximo os beneficios que trae a localización das escolas en pleno contacto coa natureza, os nenos saen todos os días a fóra. No patio xogan entre eles, rin e corren, e se ven algo que lles chama a atención -como unha estudante de xornalismo descoñecida-, preguntan que é. Calquera situación fóra do habitual esperta a súa curiosidade e pode converterse en fonte de aprendizaxe: “se un día pasa un maquinillo por diante da escola, saímos a velo. Se pasa un cabalo, saímos a velo”, di Antía, que destaca como factor diferencial o feito de que os nenos do CRA non só teñen acceso á información, senón que poden vivenciala.

Nesta segunda parte do curso, e en parte tamén polo contexto no que estamos inmersos, marcado pola situación sanitaria, na escola de Xanza están a traballar sobre o Camiño de Santiago, que pasa por Valga: contan cunchas, escriben, fan saídas a pé polos arredores da escola… “O alumnado responde moi ben ás saídas”, asegura a titora de Xanza, Mercedes Troáns, “de feito temos feito algunhas nas que voltamos ás cinco ou seis da tarde”.

Máis ao norte, na escola de Forno, os pequenos xogan no areeiro, un elemento fundamental en todos os patios das escolas. A titora de Forno, Tamara García, chegou hai pouco ao CRA, logo de ter traballado nun colexio ordinario. Amósase encantada do lugar onde está agora, e salienta “o contacto coa natureza, as relacións entre os nenos, o contacto coas familias e a coordinación do centro” como os factores que diferenzan unha escola rural dunha ordinaria.

Doutra banda, a organización das aulas no CRA é fundamental para favorecer a participación de todos os nenos. Seguen unha disposición mediante a cal a mestra titora é quen de estar atenta a todos os rapaces, aínda que cada un se adique a unha actividade distinta.

Pode ademais facer grupos reducidos onde xunte a un neno ao que lle custe máis seguir as dinámicas con outro ao que non, algo que nunha aula ordinaria é impensable e que provoca que aqueles que teñan algunha dificultade de aprendizaxe queden atrás.


Interior da aula de Vilarello. Fonte: instagram.com/escoladevilarello

Os animais son algo que apaixona aos nenos. Por iso teñen un lugar relevante na ensinanza do CRA. Na actualidade elaboran proxectos con vermes de seda, formigas e bichos bóla, e na escola de Forno mesmo teñen pequenos pitiños. Aprenden a limpalos e a coidalos, e ademais rexistran as observacións que van facendo. “É un proxecto moi completo no que ademais atendemos ás habilidades de cada neno; por exemplo, non todos saben escribir, pero no seu lugar poden debuxar, ou incluso demostrar que entenden o que ven por medio de figuras”, explica Antía mentres coloca sobre a mesa catro figuriñas que representan o ciclo de vida da bolboreta.                         

Os mestres especialistas, como Adrián Baloira, que ademais de director é profesor de Educación Física, tamén incorporan os proxectos das aulas ás súas actividades: “podemos facer un xogo de pilla no que un neno fai de abella. Se toca a outro, ese ten que quedar paralizado e só se salva se un compañeiro vai xunto a el e lle frega o brazo”.

As diferentes disciplinas académicas poténcianse por medio de dinámicas amenas que o que buscan non é aburrir ao alumno, senón motivalo: “nun cole ordinario poñeríanlle ao alumno unha ficha de sumar e restar, que cubrirán sen entender. Aquí traballamos cos nenos, preguntámoslles: cantos somos hoxe? Se hoxe viñese tal neno, cantos seriamos? Se temos que facer grupos e somos dúas profes, cantos nenos irían con cada profe?”. Os nenos, unha vez máis, son os protagonistas.

Tamén axudan os materiais cos que contan, que permiten unha aprendizaxe máis manipulativa e non baseada no papel, que ao final cansa. Ao parecer de Antía, o fracaso coas matemáticas vén de saltar o primeiro paso, que é entendelas a través de pequenos xogos visuais e manexables, e ir directamente ao traballo sobre papel:  “Aquí aos nenos gústanlles as mates e pídenme facer isto”.

O interese do profesorado do CRA maniféstase asimesmo no tempo que adican a preparar as clases. “Non facemos a xornada de 37 horas e media semanais, tamén traballamos nos fins de semana e chegamos a estar ata as once da noite planificando e coordinándonos”, comenta Antía. Cada martes teñen unha reunión na que se reúnen todos os profesores co director para falar, debatir, dar ideas e valorar o desenvolvemento das aulas.

De igual modo, asisten a numerosas formacións que “nos permiten ter asesoramento de xente que xa leva unha bagaxe máis ampla”, di Adrián. Do que non hai dúbida é de que o profesorado ten ganas de formarse. De feito nas últimas semanas asisten a xornadas de instrucción sobre o método Montessori, que malia ser unha metodoloxía que se elaborou hai moito tempo (nace a principios do século XX), na actualidade estase a revalorizar, por estar moi baseada en proxectos (piar fundamental no CRA de Valga) que abordan catro grandes áreas: autonomía, lóxica e matemática, linguaxe e sensorialidade.

Mostra da calidade de ensinanza do C.R.A. de Valga é que foron ademais un dos centros escollidos pola Fundación Princesa de Girona para o desenvolvemento do proxecto Generación Docentes, que permite a estudantes de Educación Infantil e Primaria facer prácticas en escolas do rural en Galicia, Aragón e Extremadura, para estimular o seu talento. Ao CRA veu unha rapaza de A Rioxa, María González, que se amosa súper contenta polo destino que lle tocou e afirma estar encantada co modelo de ensinanza da escola na que está, Vilarello.

“Nunca plantexara a opción que traballar nun C.R.A., pero agora é onde me vexo”

En Vilarello tamén fixo prácticas Sara Barros, graduada en Educación Infantil e cun máster en Investigación e Innovación Educativa pola Universidade de Santiago de Compostela. Conta que “xa ía coas expectativas moi altas, e non caeron”. Comenta que o alumnado é moi diverso e para aqueles que teñen capacidades educativas espaciais “o espazo é o mellor para eles porque facilita que se integren”.

Sara atopouse co CRA por casualidade. Andaba na busca de prácticas e, como é natural de Valga, buscou pola zona. Chamoulle a atención desde o primeiro momento o seu modelo educativo e decidiu contactar con eles: “nunca me plantexara a opción dun CRA pero agora é onde me vexo. Traballar nel permitiume coñecer unha realidade diferente á que me ensinaron na facultade”. Salienta a involucración do profesorado e a coordinación entre as seis escolas, que se aportan ideas unhas a outras.

Durante os anos de carreira, segundo apunta Sara Barros, apenas lles falaron dos colexios rurais agrupados. De feito, a formación que recibe o alumnado da Universidade en materia de educación rural é a través dunha única asignatura, Educación en Contextos Rurais, que ademais é optativa.

Ángel Segovia, como un dos principais promotores dos CRA en Galicia, lamenta esta situación: “a escola rural non é aínda unha materia da formación e debería selo”. Aplaude os pequenos avances que se dan neste sentido, como as prácticas da Fundación Princesa de Girona, pero agarda unha mellora neste aspecto. Nisto ten e terá moito que ver o grao de concienciación das persoas arredor dos beneficios da educación nas escolas rurais.

Segovia coincide con Adrián Baloira ao asegurar que a mentalidade da poboación cambiou: “hai xente que está convencida de que a educación dun CRA é polo menos da mesma calidade que a dun centro comarcal, e que pensa que incluso é máis beneficiosa”. Aínda que é certo que non todos pensan así, estamos asistindo a unha etapa na que mesmo as institucións locais pelexan para que as escolas non pechen. “Os feitos falan”, declara José María Bello, “veñen doutros CRA de Galicia a ver o noso, é unha demostración de que isto funciona”. O Alcalde conclúe a súa intervención manifestando que lle pon ao CRA “unha nota altísima”.

“Tamén os docentes cambiaron o chip”, remata Segovia, “xa non están coa ansia de ir a un centro comarcal, porque reparan en que as escolas non teñen nada que envexarse unhas das outras. Dámonos conta de que estamos en igualdade de condicións, e iso motiva o repunte actual das escolas rurais”.

Pequenas accións que poden xerar grandes cambios

Os espazos ao aire libre son agradables lugares de reunión para moitas familias e grupos de amigos. Os días de calor dos últimos meses favoreceron o ocio no exterior, ao que hai que sumarlle a maior seguridade que ofrecen estas zonas no marco da situación sanitaria do coronavirus, ao permitiren un maior distanciamento entre as persoas.

Á hora de elixir unha ubicación para pasa-lo día ou a tarde, un dos aspectos que máis peso ten é o do coidado e limpeza que presenta. Se o entorno se atopa cheo de lixo, a estancia non será cómoda.

Agora ben, hai que ter unha cousa en conta. O ser humano é o único responsable de que montes, campos, parques e un longo etcétera amenzan contaminados por residuos. Por iso mesmo, resulta vergoñento que esixamos espazos limpos se despois de gozar deles nós somos os culpables do seu deterioro.

Concienciación. Precisamos máis concienciación. É moito traballo tira-lo refresco que remataches de beber na papeleira que se atope máis préto de ti? E incluso se non a hai, é moito traballo levala contigo ata que chegues á casa? Se puideches traela, tamén a podes levar.

Poñemos escusas para facilitárno-la vida. Somos cómodos. Non pensamos nas consecuencias. O que importa é o aquí e o agora. NON.

Vivimos nun planeta contaminado. Sabemos da existencia dos gases de efecto invernadoiro, do consecuente quecemento global pola súa crecente utilización, da destrución dos polos… Quizáis pensemos que isto non nos afecta directamente, pero non é así. E aínda hai máis. A Organización Mundial da Saúde (OMS) emitiu un informe no outubro de 2018 no que comunicaba que máis do 90% dos nenos e nenas do mundo respiran aire contaminado. As enfermidades que esta situación pode levar consigo non son unha broma.

No referente a eses plásticos que invaden as paisaxes, lembremos que poden tardar miles de anos en descompoñerse. Contaminan os solos e a auga e por riba poden ser consumidos por animais. Hai que ter en conta que a maioría da poboación segue incluíndo na súa alimentación produtos de orixe animal, polo que os plásticos consumidos por eles poden entrar na cadea alimenticia humana.

Por sorte, existen persoas conscientes de que o rumbo que estamos tomando non é o correcto. Persoas novas que saben que o progresivo deterioro do planeta os afecta directamente e que está nas súas mans facer algo para revertir ou, cando menos, frear ese dano.

Accións, aparentemente pequenas, poden xerar grandes cambios. O pasado luns sete de setembro tivo lugar unha delas, no aparcamento de A Candieira, en Valga. Un grupo de mozos e mozas de entre 19 e 21 anos adicaron unhas horas a recoller o lixo que se fora acumulando nos últimos meses na área. O resultado? Máis de quince bolsas cheas de plásticos e cristais, agora por fin nos basureiros.

A Candieira é un lugar bastante transitado porque ademais de dispoñer de aparcamento para vehículos, conta cun campo de fútbol, tenis e baloncesto (3×3) a onde acoden moitos rapaces a pasa-las tardes. A mensaxe que os nosos mozos queren transmitir é clara: «disfrutar do ocio si, pero coidando o medio». Ogallá as próximas persoas que vaian alí e se atopen coa zona limpa e recollida sexan conscientes do traballo que houbo detrás e da necesidade de mantelo así.

De todos nós depende facer da nosa terra un espazo onde sexa agradable vivir.

De esquerda a dereita: Paula Oliveira, Brais Vidal, Julián Casal, Manuel Serramito, Paula Grela, Antía Blanco, Borja García, Paula López, Lorena Arzúa e Álvaro Fabeiro

Quero dárlle-las grazas a esas dez persoas que impulsaron este artigo co seu traballo na recollida de lixo en A Candieira:

  • Lorena Arzúa Eiras
  • Antía Blanco Ordóñez
  • Julián Casal Sanmarco
  • Álvaro Fabeiro Martínez
  • Borja García Gómez
  • Paula Grela Portas
  • Paula López Conde
  • Paula Oliveira Iglesias
  • Manuel Serramito Gómez
  • Brais Vidal Bello

Sodes uns amigos de dez. E desde aquí tamén amoso o meu agradecemento a aqueles que se mostraron dispostos a colaborar pero por motivos de axenda non puideron estar presentes. Precisamos máis xente coma todos vós.

A XXX edición da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País adáptase e despide o verán en Valga

O último sábado de cada mes de agosto é sempre un día grande para Valga. A Festa da Anguía e Mostra da Caña do País congrega a grande parte da veciñanza para dicir adeus ao verán, nunha xornada onde a gastronomía, o lecer e a música son as protagonistas.

Este verán foi atípico. O coronavirus cambiou, dificultou e incluso cancelou eventos e festas que cada ano enchen a Galicia de vida. Pero o que en principio semella un impedimento, pode transformarse en oportunidade. A palabra clave é «adaptarse», e iso fixeron en Valga.

Limitacións de aforo, distancias de seguridade, uso de máscaras e un equipo de voluntarios que velaron polo correcto cumprimento das normas en todo momento. Con estas medidas, a Festa da Anguía e da Caña celebrou a súa trixésima edición no seu escenario habitual, o Parque Irmáns Dios Mosquera.

Cata de caña no Centro de Interpretación da Caña do País, en Valga. Fonte: Valga.gal

Durante os días anteriores, diferentes bares do concello ofreceron tapas aos seus clientes onde o elemento principal era a anguía. O motivo: obter o recoñecemento á mellor tapa nos premios que se entregarían o sábado.

De xeito semellante, unha serie de veciños competiron para elaborar a caña máis saborosa. Un total de catro catadores foron os encargados de facer a selección entre as modalidades de caña branca, tostada e de herbas. Por orde, os gañadores foron Begoña Sanmiguel, Francisco Manuel Santiago e Antonio Santiago. No referente aos bares, o galardón levouno o Bar Pardal.

No marco desta celebración tamén se premiaron os lugares «máis fermosos» de Valga. Ao longo do ano está aberto o concurso «Embelecer Valga«, no que os veciños das aldeas deben traballar en comunidade para facer dos seus parques, locais e entornos espazos ben coidados e agradables. O lugar de Beiro levou o primeiro premio.

«Tosta de anguía», tapa do Bar Pardal. Fonte: Concello de Valga

A xornada do sábado foi acompañada unha serie de actividades que amenizaron o evento. En primeiro lugar, un obradoiro de contos e cociña da man do cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa. Seguiuno un número de maxia, titulado «Maxia Divertida«, que cautivou aos máis novos.

A continuación, a esperada sesión de coreografía «Bailamos?«. «Bailamos?» foi a maneira na que os asistentes se uniron para concienciar sobre a lacra da violencia de xénero. Dez cancións, acompañadas de dez breves textos que reflexionaban sobre situacións que miles de mulleres viven día a día e contra as que debemos loitar. Dez cancións que incentivan o empoderamento feminino e que o público bailou en sinal de apoio.

O broche final púxoo a Banda de Música Municipal de Valga, que interpretou unha serie de pezas con temática galega acompañada do cantante e compositor Nelson Quinteiro.

La chica de nieve: reflexións entre as sombras

A desaparición da pequena Kiera Templeton na cabalgata de Acción de Gracias de Macy’s no novembro de 1998 causa unha grande conmoción no estado de Nova Iorque. Os seus pais, desesperados, manteñen unha busca inesgotable, que os afunde na escuridade a medida que os anos pasan sen noticias da súa filla.

Miren Triggs, estudante de último ano de xornalismo, interésase no caso e adéntrase na súa investigación. Curiosa e teimuda, adicará os seus esforzos a atopa-la rapaza custe o que custe, en ocasións mesmo desafiando as normas ocultas da prensa. Miren e Kiera comparten un pasado cheo de sombras, encontrárense é a única maneira de acadar a luz.

Javier Castillo (Málaga, 1987) é o autor de La chica de nieve (2020), o último thriller que publicou ata o momento. Antes viñeron El día que se perdió la cordura (2017), El día que se perdió el amor (2018) e Todo lo que sucedió con Miranda Huff (2019).

Coñecín a este escritor por casualidade. O seu primeiro libro chegoume en forma de agasallo de Nadal hai case tres anos, e desde ese momento seguín os seus pasos. As súas historias poden atrapar ao lector desde a primeira páxina, manteñen o suspense ata o final a través de pequenas doses de curiosidade que vai inxectando en cada capítulo.

La chica de nieve mostra a un autor xa consolidado no xénero do suspense. Fai uso dunha linguaxe elaborada, pero non por iso complexa, que afonda nas descricións e nas emocións das personaxes, de xeito que o que le pode chegar a sentirse dentro delas. Sofres con elas, ris con elas, buscas con elas e atopas con elas.

Máis alá da trama principal, a busca de Kiera Templeton, a novela realiza unha crítica ás estruturas de poder da sociedade. Analiza como os intereses económicos priman sobre os da poboación nun ámbito con tanta importancia como é o xornalístico. A protagonista, Miren, convértese nun símbolo de defensa da prensa útil, da que busca a verdade por moi agochada que estea e a saca á luz.

O tema da violencia de xénero, das agresións sexuais, dos perigos aos que están expostas as mulleres, tamén ten cabida nas 512 páxinas que compoñen a obra. Coméntanse varios casos deste tipo e as solucións que tiveron por parte da xustiza. Crea deste modo, unha vez máis, unha crítica, á par que loita por unha maior e mellor defensa da muller ante esta lacra social.

Un aspecto moi destacable do libro é a súa documentación. Está ambientado entre 1998 e 2010 e fai referencia a acontecementos e personalidades reais deses anos, ben contextualizados. Pon especial fincapé na evolución tecnolóxica, narrando, por exemplo, como as cintas VHS deron paso aos DVD para logo ser substituídos por tecnoloxías máis punteiras como o streaming trala chegada de Internet.

Non podo deixar de recomendar La chica de nieve a calquera persoa que desexe aproveitar os días de descanso para reflexionar. É un libro que se pode ler en tres tardes, pero que dá para pensar toda unha vida. Javier Castillo non defrauda, non lle perdáde-la pista.

MERCA-VALGA: cara a reactivación do comercio local

As medidas de contención declaradas no mes de marzo para facer fronte ao avance do coronavirus causaron un impacto negativo na economía do noso país. Bares, locais de ocio, museos, perruquerías e un longo etcétera víronse obrigados a pechar mentres a situación sanitaria non amosase síntomas de mellora. Agora, coa autorización para a reapertura dos mesmos, comeza unha carreira cara a recuperación das perdas ocasionadas durante os últimos meses.

Un dos sectores máis perxudicados foi o comercio local, moitas veces relegado a un segundo plano e que nestes intres corre o risco de ser enviado a un terceiro ou mesmo, nalgúns casos, de desaparecer. Por iso son máis necesarias ca nunca medidas para incentivar as compras dentro dos municipios.

O Concello de Valga vén de impulsar a campaña Merca-Valga, unha iniciativa enmarcada no obxectivo de reactivar a economía na localidade. Poden unirse á mesma os establecementos comerciais de calquera tipo, e os seus clientes poderán optar a conseguir bonos de 500 euros. Cando se realicen compras, recibiranse boletos numerados, dos cales resultarán premiados aqueles que coincidan coas catro últimas cifras do sorteo da Lotaría Nacional dos días 30 de xullo, 29 de agosto, 26 de setembro, 31 de outubro e 28 de novembro.

Os 500 euros poderán desembolsarse en calquera comercio participante en Merca-Valga. Deste xeito, promóvense as vendas dentro do municipio.

Fonte: valga.gal

A día de hoxe, conscientes da nova realidade á que nos toca enfrontarnos, cada vez son máis os concellos que desenvolven novas ideas para estimular o propio. De cada un de nós depende dárlles ás para contribuír na pronta recuperación da normalidade.

A exposición da camelia «Bella Otero» volve embelecer Valga

Ule a pétalos brancos, rosas e violetas. Unha explosión de cores enche a ollada nada máis entrar polas portas corredoiras de cristal do Auditorio de Valga, onde este fin de semana ten lugar a XIV edición da Exposición da Camelia «Bella Otero».

Veciños do concello e diferentes colectivos achegan nestas datas as súas composicións florais, que están expostas ao público desde a unha da tarde deste sábado. Os participantes recibirán por parte da Asociación de Mulleres Rurais «Albor», organizadora da exposición, unha árbore de camelia como recoñecemento pola súa colaboración, que poderán cultivar para exhibir o vindeiro ano.

O Centro Superior de Música de Galicia abre as súas portas

O Centro Superior de Música de Galicia (CSM Galicia), con sede en Valga, deu a súa benvida oficial este 22 de novembro, coincidindo co día de Santa Icía, patroa dos músicos. O acto tivo lugar no Auditorio Municipal, e contou coa presenza do alcalde do concello, José María Bello Maneiro, e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís.

Durante a inauguración interviron o director do CSM Galicia, Manuel Villar, e o codirector, Pere Molina, así como o xefe de estudos, Javier Morgade e o mestre de dirección, Cristóbal Soler. José María Bello Maneiro e José Manuel Cores Tourís tamén adicaron unhas palabras aos presentes, eloxiando as calidades do Centro Superior e mostrando o seu apoio pola cultura.

Manuel Villar manifestou que levar a cabo un proxecto como este parecía unha loucura, «pero podemos levar esta loucura a bo porto», o que secundaron Javier Morgade e Pere Molina. Este último destacou as boas instalacións coas que conta o centro, así como o grande equipo que hai detrás do mesmo. Cristóbal Soler agradeceu ao alcalde e ás autoridades a súa aposta pola música e asegurou que Valga «será referente no panorama musical nacional» .

Pere Molina e Manuel Villar, durante a súa intervención

O acto foi amenizado coas actuacións musicais de dous alumnos de piano, Yuri Durán e Martín Chaves, e dos profesores Adrián Pais (saxofón), Alejandro Salgueiro (fagot), Paula Gago (piano), Ana Mélikhova (canto) e Javier Morgade (clarinete) .

Ana Mélikhova, Paula Gago e Javier Morgade
Yuri Durán

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar